Biblioteca Pública de Ourense

En Ourense tivemos un total de catro sesións de Reinventar o mundo, con cativos e cativas desde os catro anos, ata os doce (alhunha ata se animou a repetir!) Nun espazo tan fantástico como a nova biblioteca, como non ían xurdir ideas, propostas, debuxos tan marabillosos? Debatemos coa rapazada sobre a actual situación do medio ambiente, sobre as tallas indiscriminadas de árbores, que son o pulmón do Planeta. Tamén dos mares de plástico que ameazan a sostenibilidade e a vida nos océanos. Nestas sesións centrámonos, máis que en criticar (que tamén está moi ben) en construír, en dar ideas, facer propostas de cambio, de accións, de hábitos diarios cos que, sen decatarmos, estamos mancando o Planeta. Sairon ideas ben interesantes. O mundo que queremos está cheo de cores, de árbores, de medios de transporte non contaminantes, de fábricas que en vez de botar fume negro botan flores que arrecenden… Soñar que un mundo mellor é posible, non custa tanto!