Proxecto

Trala crise provocada pola pandemia da COVID19 somos plenamente conscientes da necesidade de mudar a nosa maneira de estar no planeta. Nese marco, os nenos e nenas precisan explicacións, necesitan respostas e espazos onde expresaren as súas dúbidas, os medos e tamén a súa opinión e as súas propostas para reinventar o mundo no que lles vai tocar vivir e medrar.

Coa finalidade de darlle voz aos máis pequenos nace este proxecto, que consta dunha serie de encontros-talleres por distintas bibliotecas galegas nas que as crianzas, a partir da palabra escrita e a expresión plastica, farán propostas de como, entre todos o todas, podemos mellorar o futuro do planeta.

Coas propostas de textos e imaxes resultantes destes obradoiros, realizaremos un libro álbum, en tapa dura a toda cor, impreso en papel reciclado, que resuma e amose a importancia de escoitar aos nenos e nenas, a necesidade de deixarlles expresar as súas inquedanzas e propostas para coidar o noso planeta.

Esta obra servirá de testemuña dun momento histórico, que agardamos non se repita, visto desde as perspectiva dos máis pequenos, unha pegada onde as crianzas nos amosen aos maiores o que estamos facendo mal e como virar o rumbo para facermos un mundo mellor.